Image may be NSFW.
Clik here to view.O frío azul
Ramón Caride
Edición e revisión: David Cortizo Conde e Tomás González Ahola
Fotografía da capa e do autor: Sara Caride
Deseño da capa: Denís Fernández Cabrera
Urco Editora, Santiago de Compostela, 2015, 129 páxinas
Se cadra por un proceso de “deslocalización” editorial, Urco Editora acaba de publicar, nunha edición definitiva e cunha capa de Realidade Aumentada, a novela breve de Ramón Caride, ganadora no ano 2007 do Premio Lueiro Rey de Novela Curta e editada ese mesmo ano por Sotelo Blanco Edicións. O autor é un escritor todoterreo cunha ampla e consolidada obra literaria en todos os xéneros, e como tal está recoñecido pola crítica e os lectores. Poeta destacado, autor dunha ampla e variada produción de literatura infantil e xuvenil, (Ari e o Minotauro é a súa última achega), marcada case que sempre polos problemas ecolóxicos. Porén, na miña estima é na literatura para adultos onde Ramón Caride é capaz de lucir todos os seus bríos fabuladores e unha grande riqueza como expresión da lingua. Unha narrativa que se concentra principalmente na súa triloxía De sombras e lumes. Con todo, moitos lectores entre os que me inclúo, séntense engaiolados por algúns dos moitos relatos breves, ou non tan breves, que ten publicado Ramón Caride. Por eses desenlaces inesperados e cortantes, por esas historias profundas e doentes nas que se insiren as súas dúas grandes teimas: a continxencia da felicidade e a imposibilidade de acoutar no determinismo das leis e teorías o mundo ateorizable dos seus heroes e personaxes. Unha obra, xa que logo que reborda trama, fabulación, máxima comprensión, nomeadamente no relato curto, finais inesperados nos que o autor non agocha a súa fascinación polas trampas do azar.
Na mesma liña cómpre adscribir O frío azul, se ben nesta novela breve aborda o autor unha temática ata entón inédita na súa produción literaria: a novela histórica. No ano 1985 escribía Manuel María como parte da Portaleira, para un dos primeiros poemarios de Ramón Caride unhas liñas que nos pon nas pegadas do que moitos anos despois rematou sendo esta novela breve. Di así: “CEA DAS PANADEIRAS é unha terra sobria, fermosa, contida, amparada pola sombra tutelar da Serra Martiñá e pola lenda monástica de Oseira”. E en efecto, O frío azul é unha novela histórica, mais soamente no sentido de que está ambientada no século XVI, pero nada ten que ver con esa caste de novela histórica, produtos de consumo masivo dalgunhas editoriais, pero que non son outra cousa máis que banalidades comerciais.
O escritor mergúllase, no seu percorrido ficcional, na lenda e na historia. As lendas do Mosteiro de Oseira no medio dunha mesta nevarada. Desde o comezo o lector percibirá que hai un misterio, un enigma que se irá desvelando, como ao tirar do novelo, a medida que avanza a lectura. A amalgama de historia e lendas e a vontade de desvelar a misteriosa bagaxe, fai do relato unha novela itinerante que transcorre en distintos lugares da xeografía peninsular, e de maneira moi significativa, sobre todo polo seu valor simbólico, en Estremadura, nos pobos da fala do Val de Ellas.
Clik here to view.

Ramón Caride
Non son poucos os temas recorrentes da produción literaria anterior do escritor que están presentes en O frío azul. Nomeadamente a intolerancia e os abusos do poder, a postergación da muller e mesmo a destrución da natureza, fenómeno representado pola presenza invasora do poder eclesiástico. Xa que logo, coido que lexítimo concluír que nesta novela o autor bota man de vestimentas históricas e lendas que sobreviven, para achegarnos historias reais, verdadeiros dramas, insólitas desventuras, corazóns mancados e persoas de carne e óso, cunha biografía por detrás e un futuro aberto que, como a dita, nunca é sinxelo nin unidimensional. Atópase, pola contra, ateigado de sombras, de misterio, de inquéritos de difícil resposta.
Saliento entre os haberes da novela o alto valor literario da súa prosa, a coidada construción dos personaxes, a tensión dosificada dunha trama que viaxa a séculos pasados, a correcta contextualización do argumento na filosofía e na teoloxía (platonismo e epicureísmo sobre todo). E a homenaxe que o texto e o desenvolvemento da trama lle fai ao galego exterior, neste caso ao galego de Estremadura, á fala dos Tres Lugaris (valverdeiru, lagarteiro e mañegu). Velaquí algúns dos engados de O frío azul, unha pequena pero moi gorentosa peza literaria.