Quantcast
Viewing all articles
Browse latest Browse all 12

“Endogamia 0.2”, Retratos do presente (Dous)

 

Endogamia 0.2Image may be NSFW.
Clik here to view.

Ramón Caride

Ilustracións de Manuel Busto

Edicións Xerais, Vigo, 2013, 103 páxinas.

 

   Prosegue Ramón Caride no ronsel de Exogamia 0.3, publicado hai apenas dous anos, coa ficcionalización de problemas decisivos para a humanidade, que teñen que ver cos dereitos humanos, coa ecoloxía ou cos retos da tecnoloxía, iniciados  naquela súa primeira entrega Perigo vexetal (1995) á que seguiron outros títulos que deron lugar a serie As aventuras de Said e Sheila.

   A ficción científica, a temática ambiental, a tecnociencia e outros problemas da actualidade como a violación dos dereitos humanos ou os comportamentos machistas están así mesmo presentes en Endogamia 0.2, que continúa, como xa dixen, a serie que tivo o seu comezo en Exogamia 0.3.

   Desta volta, Ramón Caride recolle tres relatos cos que continúa a debuxar, dun xeito enxeñosamente crítico, e por veces retranqueiro, o momento presente. R. Caride, pois logo, desde a ficción, aínda que  con relatos non estritamente literarios, tenta defender o espazo humano tanto dos fundamentalismos relixiosos ou ecoloxistas como das temeridades tecnocráticas, sobre todo cando fan que os dereitos humanos fiquen esquecidos ou nun lugar secundario.

   Rotula o autor o primeiro relato deste pequeno libro cun título ben expresivo: “Tan lonxe, tan preto”. Unha trama que se desenvolve entre  Bangladesh, onde un xornalista intenta pasar  un pendrive con imaxes do suplicio ao que foi sometida unha rapaza condenada por un tribunal islámico e ten dificultades coa policía de control de pasaxeiros, e España (Compostela e Madrid). O relato salta dun espazo a outro para facerlle ver ao lector que esas imaxes estarrecedoras da rapaza matada a lategazos, desfilan en paralelo cos comportamentos machistas e a violencia de xénero que se producen entre nós. Tan lonxe e tan preto acontece o mesmo: asoballamento dos dereitos e da dignidade das mulleres.

   No segundo relato da escolma, “Mecánica da apocalipse”, o narrador achéganos aos perigos da radioactividade provocada por un accidente nuclear con tráxicas consecuencias de contaminación radioactiva. Porén, a defensa do ecoloxismo nos lles semella cousa seria aos delegados das centrais nucleares. Tampouco aos políticos que mesmo deciden intervir en conflitos internos dos países veciños para que se deixe de falar do accidente nuclear. O relato reflicte dous escenarios: o dos miles de refuxiados nun pavillón que intentan protexerse do escape radioactivo, e o dos políticos e directivos das compañías nucleares, movidos soamente polo imperativo económico.

   Pon cabo a escolma o relato, “Alto rendemento” que nos debruza sobre o drama familiar que “a deteriorización neuronal progresiva” (eufemismo piadoso do Alzheimer) de Gustavo causa no seu contorno familiar. Mentres os

familiares sofren duros calvarios, os políticos enchen a boca con ampulosas terminoloxías relacionadas coa biotecnoloxía e a biomedicina. Mais todo fica niso: en palabras para a galería. O rendemento mediático das inversións en programas deportivos gáñalle unha vez máis a partida ás vítimas do Alzheimer  nesta sociedade na que manda o espectáculo e a “palanquita”, como din nalgúns países latinoamericanos. Imposible entrar en nómina sen o padriñado do cacique provincial.

   Sen apenas treitos digresivos e baseándose sobre todo en áxiles diálogos, Ramón Caride mergúllanos con habilidade neste retrato dun desacougante  presente, sen ter que anticipar desta volta o futuro.


Viewing all articles
Browse latest Browse all 12

Trending Articles


MARÍA OLIMPIA DE OBALDÍA [9233]


JUAN ANTONIO CAVESTANY [14.478]


Un Pombero anti-robos


Goku tamaño real


ALFREDO HERRERA FLORES [17.044] Poeta de Perú